miércoles, 27 de abril de 2011

A Illa estudia reordenar o tráfico tras a apertura do vial do Xufre

Unha vez que a ansiada estrada do Xufre abriu e que a circulación de vehículos pesados baixou de forma considerable nas rúas do centro urbano insular, chegou o momento de comezar a exporse unha reordenación de tráficos no municipio. O equipo de goberno xa está a pensar niso e está a analizar as alternativas.
Os cambios que se proxectan afectarán ao centro urbano, pero se trata de que incidan de modo especial na avenida Castelao, un viario ata hai poucos días moi castigado pola trasfega de camións que se internaban no municipio, xa fose para dirixirse ao peirao ou ao centro urbano. O alcalde, Manuel Vázquez, recoñecía onte que a redefinición e a dinamización de Castelao é unha demanda de veciños e empresarios da localidade, así que niso se centrará a reorganización de tráficos que se prepara.

Unha das variables que se estudará á hora de planificar o futuro do tráfico insular é a posibilidade de que a rúa Castelao, no seu tramo final, volva contar con dobre sentido de circulación, eliminado hai algún tempo precisamente para evitar os problemas que podía ocasionar a confluencia de dous camións. O rexedor explica que se buscará a mellor fórmula para redefinir este viario e que quede o máis cómodo posible para condutores e peóns. Convertelo nun bulevar é unha idea que, a priori, seduce ao alcalde.
Mentres ese redeseño vai tomando corpo, o Concello da Illa xa detectou algúns problemas na definición da estrada de acceso ao Xufre. Un deles é a falta de sinalización na rotonda de acceso ao municipio que informe ou ata obrigue aos camións a tomar o novo viario en lugar de penetrarse pola avenida da Ponte. Outro é o abrupto final da estrada, que se atopa practicamente de fronte coa lonxa. Neste aspecto, o goberno local pide a Portos e a Estradas que redefinan ese espazo.

1 comentario:

  1. Gustaríanos que aportasedes as vosas ideas sobre como vos gustaría que se reformase a Avenida Castelao despois da apertura do vial do Xufre e a ordenación do tráfico na Illa de Arousa. A vosa opinión é imprescindible.

    ResponderEliminar

Cometa o que queiras, sempre con respeto, e publicaremosche o comentario canto antes.